Saltar ao contido

Kitāb al-Shifāʾ

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kitāb al-Shifāʾ
کتاب الشفاء
Título orixinalكِتَابُ الشِّفَاء
Autor/aAvicena
OrixePersia
LinguaLingua árabe
Tema(s)lóxica, ciencias naturais, Quadrivium, matemáticas, metafísica e filosofía
Xénero(s)Enciclopedia
Data de pub.1027
editar datos en Wikidata ]

Kitāb al-Shifā’ (árabe: كتاب الشفاء; latín: Sufficientia; lit. "O libro da curación" ou "O libro da cura") é unha enciclopedia filosófica e científica escrita por Abu Ali ibn Sīna (coñecido en Occidente como Avicena). A súa elaboración comezou contra o 1014, e rematou arredor do 1020; porén, non foi publicado até o 1027.[1][2]

Crese que foi escrito para servir como compendio de todos os coñecementos filosóficos do seu autor.[3] En efecto, consta de catro partes principais que tratan, en orde e con amplo detalle, de lóxica, física, matemáticas e metafísica.

O texto árabe, recompilado a partir de varios manuscritos de orixe diversa, foi editado por varios arabistas, entre os que destaca principalmente George Anawati, e publicado en varios volumes en O Cairo entre 1953 e 1983.

No século XIII apareceu unha tradución ao latín en Toledo, pero non será até 1907 cando apareza outra versión nalgún idioma europeo, esta vez en alemán.[4]

Partes do texto, notabelmente a metafísica, traducíronse tamén ao francés, ao inglés e ao italiano. Non existe aínda unha tradución ao galego.

Filosofía

[editar | editar a fonte]
Alberte o Magno (1193-1280), lóxico europeo influenciado polo Kitāb al-Shifā’.
Alberte o Magno (1193-1280), lóxico europeo influenciado polo Kitāb al-Shifā’.

Contra o século XII, o chamado avicenismo converteuse na principal escola da filosofía islámica do século de ouro, e Avicena no seu pensador máis influente, grazas á súa combinación do aristotelismo e do neoplatonismo co kalam.[5]

O avicenismo tamén deixou a súa pegada na Europa do medievo, en especial as súas doutrinas sobre a natureza da alma e a distinción entre esencia e existencia. Estas teorías espertaron numerosos debates entre os escolásticos, así como a censura das autoridades. En París, por exemplo, o avicenismo foi proscrito no 1210. Malia as prohibicións, as súas ideas sobre psicoloxía e epistemoloxía inspiraron a autores como Guillaume de Auvergne (1190-1249) ou Alberte o Magno (1193-1280), e a súa metafísica a Tomé de Aquino (1225-1274).[6]

As principais disciplinas filosóficas sobre as que versa o Kitāb al-Shifā’ son a lóxica e a metafísica, aínda que tamén contén elementos de filosofía da ciencia.

Miniatura de Avicena (980-1037), autor do Kitāb al-Shifā’.
Miniatura de Avicena (980-1037), autor do Kitāb al-Shifā’.

Avicena escribiu sobre a lóxica islámica en moitas das súas obras, e chegou a crear o seu propio sistema lóxico como alternativa á lóxica de Aristóteles. Cara ao século XII, a lóxica de Avicena substituíu á aristotélica no mundo islámico.[7] Tras ser traducido ao latín, os seus textos sobre esta materia influenciaron aos pensadores europeos, como Alberte o Magno.[8]

En especial, analizou o siloxismo hipotético e mais o cálculo de proposicións, que formaban parte da tradición estoica.[2][9] Tamén desenvolveu unha teoría propia sobre a siloxística temporal, e traballou aspectos da indución, como os chamados métodos de Mill, moi relevantes para o método científico.[2]

Filosofía da ciencia

[editar | editar a fonte]

Na sección titulada al-Burhan ("A demostración"), Avicena describe os métodos científicos de investigación da antigüidade. En específico, analiza os Analíticos posteriores de Aristóteles, co que discrepa en diversas cuestións, introducindo o problema dos principios fundamentais da ciencia. Segundo o persa, existen dúas vías para chegar aos devanditos principios: a da indución aristotélica (istiqra), e a do exame e a experimentación (tajriba). Avicena critica a primeira delas, sobre a base de que non conduce a premisas absolutas e universais, polo que sería necesario avanzar polo segundo camiño, o da experimentación.[10] Malia propoñer ideas próximas ás da ciencia moderna, o al-Burhan só foi traducido fragmentariamente ao latín; en consecuencia, a súa influencia en Europa foi limitada.[11]

Metafísica

[editar | editar a fonte]

A metafísica de Avicena está influenciada pola filosofía de al-Farabi. No seu estudo do ser, distinguiu entre esencia (mahiat) e existencia (wujud). Defendeu que a existencia non pode inferirse ou explicarse pola esencia das cousas, e que a forma e a materia por si soas non poden orixinar o movemento do universo. A existencia, xa que logo, débese a un axente causal que a engade á esencia. Para iso, a causa ten que ser algo que coexista co seu efecto.[12]

A súa proba da existencia de Deus é un dos primeiros exemplos do argumento ontolóxico.[13][14]

Astronomía

[editar | editar a fonte]

No eido da astronomía, o texto destacou por propoñer que Venus está máis próximo á Terra que ao sol.

O Kitāb al-Shifā’ expón unha síntese de conceptos sobre a natureza dos estados minerais e metálicos.[15] Malia ser un crítico da alquimia, Avicena combinou a teoría alquímica dos metais coas ideas sobre mineraloxía de Aristóteles e Teofrasto.[15]

Paleontoloxía

[editar | editar a fonte]

O libro contén explicacións sobre a petrificación dos fósiles. Aristóteles intentou explicar este fenómeno apelando a unhas "exhalacións vaporosas". Avicena revisou este concepto, desenvolvendo a súa teoría dos "fluídos petrificantes", que sería retomada por Alberte o Magno no século XIII, e aceptada por moitos naturalistas até o século XVI.[16]

  1. Goodman (1992): 31.
  2. 2,0 2,1 2,2 Goodman (2003): 155.
  3. Muslim phylosophy. Ibn Sina (en inglés).
  4. Ibn Sina (en inglés).
  5. Fancy (2006): 80-81.
  6. Rizvi (2013).
  7. Bochenski (1961): 4-10.
  8. Washell (1973): 445.
  9. Goodman (1992): 31, 188.
  10. McGinnis (2003): 307.
  11. McGinnis (2003): 308.
  12. "Islam - Religion, Beliefs, Practices, & Facts - Britannica". www.britannica.com (en inglés). 2024-04-05. Consultado o 2024-04-06. 
  13. Steve (1984).
  14. Morewedge (1970).
  15. 15,0 15,1 Seyyed Hossein Nasr (2003).
  16. Rudwick (1985): 24.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]